(Agradece-se subscripción á newsletter: vostedes estarán informados e nós conseguiremos leitores fiéis. Fonte imaxe principal da entrada: ca.1926. “Recuerdavigo” e “Proxecto Virtual Recuperación do Patrimonio Musical Galego Séculos XIX-XX)
Coincidindo co amigo e colaborador desta bitácora Xabier Díaz García na romaria de Santa Margarida da Coruña a finais deste último mes de Agosto (e con outros bons amigos), mostrou-nos esta vella e estraña fotografía… Parecía tratar-se dun coro. Na parte direita, aparecía un home elegante cun raro instrumento, unha especie de “pandeireta-dupla” que ironicamente demos en chamar “turbo-pandeireta”
O instrumento estaba formado por dous aros paralelos con ferreñas, un mais grande e outro mais pequeno, unidos por unha pele comun. Os aros interior e exterior parecían estar unidos por unha especie de cruzeta ou soporte con pequenas soallas. O home que a sostiña levaba ademais o que semella un pano branco, para suxeitar tan pesado instrumento e non se lastimar a man…
Cal era a orixe? Existía este instrumento tradicionalmente na Galiza? Cal era a sua función? Quen o construiu?
Apartir de todas estas perguntas formuladas, convidamos ao Xabier a investigar no tema e a facer este post, onde vai seguindo magnificamente as pegadas deste vello instrumento através da identificación e historia do coro…pero deixemos que sexa ele mesmo quen nos conte a historia, antes de chegar a algunhas hipóteses finais:

Remexendo un día na hucha de soños e lembranzas do Facebook “Proxecto Virtual Recuperación do Patrimonio Musical Galego”, atopei con esta antiga fotografía dun coro galego dos anos vinte do pasado século, publicada orixinalmente en “Recuerdavigo”.


Tendo en conta que o coro non aparece identificado, amais da excelente calidade da foto, chamáronme a atención dúas cousas, a pandeireta sostida polo tipo da dereita que, pola falta de comentarios, parece que pasou desapercibida para todo o mundo, e o bombo coas siluetas dun gaiteiro e un tamborileiro, único sinal de identidade do coro xa que na bandeira non se pode apreciar nome algún.
A “turbo-pandeireta”, que eu lle chamo por aquilo da sobrealimentación de ferreñas, apreciase que ten un diámetro maior que o das outras pandeiretas sostidas por dúas mozas do coro, próximo ó tamaño dunha pandeira.
O extraordinario de esta pandeireta é que ten un segundo aro interior, tamén con ferreñas, perfectamente suxeito por catro soportes que o unen ó aro exterior que lle dá soporte a pel. Teño que pensar que esta pandeireta debería pesar o seu, máis a pose distendida do tipo que a terma faime supoñer unha gran lixeireza da madeira con que está construída. Non me dá a sensación de ser un prototipo polo ben feita e rematada que está.
Cal será a procedencia de esta pandeireta?
Como sería a técnica do tocado?
Como o son de esa “máquina poderosa”?
Quen sería o artesán?
A pista podería estar na identidade do coro e o bombo levarnos ata ela. Eu vira antes ese bombo ou un parecido co mesmo debuxo.
A foto compartina este verán con varios amigos, artesáns e músicos, dando por feito que o coro era das “Artísticas” de Vigo ou de Pontevedra, ata que coa complicidade de Dubi Baamonde chegamos a conclusión que o coro da foto eran “Os Enxebres” de Ourense pola coincidencia do debuxo do bombo co o de outras fotos dise coro, a pesar de non levar o nome rotulado.
A confirmación veu dada cando atopei esta outra foto dos Enxebres nun número da revista “Vida Gallega” de 1926. Aí pódese comprobar a identidade de moitos dos coristas entre ámbalas dúas fotografías.

Velaquí a evolución do debuxo do bombo :




Dos Enxebres apenas se atopa información, e non de toda acertada, en blogues como “Ourense no Tempo” ou en diferentes libros como “La Música en Orense” de Isidoro Guede, aínda que de seguro a hemeroteca de “La Región” agocha datos máis que interesantes que só en anaquiños foron compartidos.
Teño constancia que diste coro podería escribirse dabondo e alguén o debería facer tendo en conta a súa transcendencia no eido musical ourensá.
Aquí vou deixar algúns apuntes sobre os inicios do coro, algúns coñecidos e outros penso que non tanto.
En 1914, con motivo da viaxe que a Infanta Isabel de Borbón y Borbón fixo en xullo de ese ano por varias cidades de Galicia, Ourense decidiu agasallala con cantos da terra para o que por iniciativa do Concello, non sei se debido a baixa actividade do orfeón “Unión Orensana” (acabaría reorganizándose en novembro de ese mesmo ano), ou porque xa empezaba a callar a proposta de “Aires d’a Terra”, crease un coro galego seguindo o modelo de Feijoo. Ese coro chamaríase “Os Enxebres” é tería a súa posta en escena o día 20 de ese mes.
A prensa de Madrid deses días daba conta da visita da Infanta a Ourense:
“El Ayuntamiento le obsequió con un refresco en la terraza del canal. El músico gallego Daniel González cantó canciones típicas, bailando algunas parejas danzas del país” (Heraldo de Madrid)
“Fue después a ver el Depósito de las aguas y en la Alameda la obsequió con un lunch el Ayuntamiento.
Durante el lunch cantó el coro aires de la tierra, y una pareja, con traje típico del país, bailó la muiñeira” (La Correspondencia de España)
Por suposto que a prensa galega tamén reflectía o evento:
“Su alteza se alojó en el Hotel Miño.
Un coro gallego, dirigido por Daniel González canto un escogido repertorio de obras ‘enxebres’.“ (La Idea Moderna)
“Al mediodía se verificó un lunch en su obsequio y al terminarse se dirigió la Infanta en coche a la Alameda
La Banda Municipal, que amenizaba el paseo, tocó la Marcha Real.
El publicó la ovacionó repetidas veces.
Luego subió al palco de la música un coro gallego, cantando algunas piezas que á la egregia dama le agradaron mucho.” (El Correo de Galicia)
Apartir de aqui a prensa rexional recolle a constitución formal do coro:
“Reunidos los señores que componen el ‘Coro Gallego de Orense’, acordaron constituirlo con carácter permanente y nombraron, la siguiente directiva:
Presidente, D. Segundo Feijóo.
Vicepresidente, D. Vicente Nóvoa.
Tesorero, D. Arturo Fernández Magdalena.
Secretario, D. Antonio Raimúndez”
(El Diario de Pontevedra, 25/07/1914)
“El coro gallego de Orense que se dio a conocer con motivo de la visita a aquella capital de la infanta Isabel, ha quedado constituido definitivamente” (La Idea Moderna, 25/07/1914)
“Ha quedado definitivamente constituido en Orense, bajo la presidencia de D. Segundo Feijóo, el coro gallego, titulado ‘Os Enxebres’, que será dirigido por el joven D. Daniel González.” (La Idea Moderna, 4/08/1914)
Agás de para dar conta da gratificación do Concello de Ourense ós Enxebres polo mencionado concerto, non se atopan máis noticias do coro ata o ano 1916, vencellado ó orfeón “Unión Orensana”, nas que se anuncia a participación do coro no primeiro “Concurso de Coros Gallegos” a celebrar en Vigo. Nesa vinculación puido ter moito que ver que Daniel González pasara a dirixir o orfeón na súa reorganización de finais de 1914.
Noutra ocasión falaremos un pouco dese certame de coros, onde non chegaron a participar nin “Os Enxebres”, a pesar de ter axuda económica privada para facelo, nin “Cántigas e Aturuxos” de Lugo que inicialmente tamén fora inscrito, nin “Toxos e Froles” do Ferrol, que mostrou públicamente na prensa o seu desacordo cas bases do certame.
Teño constancia de que, por un triste acaecemento recollido na prensa rexional en agosto de 1916, Virxilio Fernández era nesa altura o gaiteiro do coro.
Aínda que parezan anecdóticas as aparicións do coro nestes primeiros anos, creo que paga a pena o esforzo por coñecer polo miúdo o que aconteceu antes e durante a integración no orfeón “Unión Orensana” ata o ano 1919, en que se teñen noticias da refundación do coro “Os Enxebres” co nomeamento de novo director e xunta directiva, integrando moitos dos antigos membros do orfeón.
Outros membros, como Daniel Rodríguez, xa tiñan participado uns meses antes na constitución da “Coral de Ruada” xunto, entre outros, o propio gaiteiro Virxilio Fernández.
Para esta reaparición ou estrea, segundo se mire, o coro recibiu do mesmo Perfecto Feijoo una copia da partitura da “Alborada de Rosalía” para incluíla entre as pezas a presentar o publico ourensá.
Parece que ese concerto tivo lugar o 29 de decembro de 1919 no “Teatro Apolo” de Ourense, aínda que a prensa tamén se refire como concerto de presentación ó pobo ourensá a outro concerto celebrado o 18 de xaneiro de 1920 no “Xardín do Posío” alternando coa Banda Municipal.
A partir de aquí, unha andaina chea de éxitos ata a súa interrupción polo golpe militar do xeneral Franco en 1936.
Entre 1929 e polo menos ata 1933, o coro mantivo unha estreita colaboración con Faustino Santalices participando xuntos en diversos concertos.
Nada sabemos da súa relación anterior, pero tampouco temos noticias de que Santalices, amais de gaitas e zanfonas, construíra instrumentos de percusión.
En 1926, ano no que parece estar datada a foto onde aparece a pandeireta, o coro fixo una xira por diversas cidades de Portugal, pero tampouco no país irmán atopamos indicios dun instrumento parecido.
Mais tarde, xa ven avanzados os anos corenta, na “Sociedade da Troya” da Ponte, por antigos membros dos Enxebres foi recuperado o nome para un coro galego que pasou a chamarse “Os Enxebres da Troya”
Até aqui a fabulosa investigación de Xabier, e agora formulamos algunhas hipóteses:
- Non hai constancia algunha até o de agora deste instrumento como tradicional na Galiza, polo que parece ser unha invención exclusiva do coro Os Enxebres ou dalgún membro do mesmo. Tampouco parece existir ningún outro exemplo nen parece ser un instrumento foráneo.
- Se aceitarmos a hipótese da “invención” perguntamo-nos cal é o fin? Obviamente, a intención tiña que saír dunha necesidade musical e se cadra puntual (dado que non temos constancia de calquera outra foto do mesmo coro na que se observe “turbo-pandeireta” nen muito menos de que o “invento” se repetise posteriormente)
- O que si parece claro, pola cantidade de ferreñas e soallas, é que este instrumento soaría ben mais alto que unha pandeireta “normal”, case como unha especie de “charrasco” sen pau. O fin primeiro parece ser logo un “maior volume”. Poderíamos por exemplo conxeturar ao ser un coro de “amateurs”, a necesidade de ter alguén que leve o ritmo con mais seguridade que o resto de “diletantes”, con “maior volume”
- Por último, cabe supor se validamos a necesidade anterior de “maior volume”, que foi unha encomenda (provavelmente do director…Daniel González? [na altura da foto, parece ser que xa non o era]) a un artesán próximo, con certeza o mesmo que lles fornecía as pandeiretas “normais”. Talvez o próprio Faustino Santalices que anos mais tarde, apartir de 1929 mesmo participaría nos Enxebres habitualmente? Non o sabemos…
O que si sabemos por evidentes, son os continuos e lóxicos intercambios de membros entre os tres orfeóns ourensáns da época: Unión Orensana, A Coral De Ruada e Os Enxebres…
Como conclusión final, podemos inferir que a “turbo-pandeireta” ou “pandeireta-dupla” non triunfou entre eles porque nunca mais voltou aparecer até o día de hoxe…
Lanzamos desde aqui o engado por ver se algún dos nosos magníficos artesáns de percusión galega se anima a reproduzi-la…sabemos que temos amigos que xa andan niso (daríamos-lle boa publicidade desde aqui)
Don Gaifeiros de Mormaltán rascaría as longas e brancas barbas e ollaría asombrado cos seus ollos verdes, gazos e leonados; ao ver de novo resoar e resuscitar das suas cinsas a turbo-pandeireta!
Un grande abrazo
Deixa unha resposta