(Agradece-se subscripción á newsletter: vostedes estarán informados e nós conseguiremos leitores fiéis)
Despois dun tempo en silencio por estar imersos en demasiadas cousas. Agora, de vagar e amodiño, xa que se nos acumula o material para publicar, retomamos o camiño desta bitácora…

Esta é a segunda parte dunha entrada antiga que linkeamos:
#43 A “turbo-pandeireta” ou “pandeireta-dupla”
Aí é que descobríamos grazas ao noso colaborador Xabier Díaz García, a existencia dunha fotografía antiga cun raro e descoñecido instrumento. Trataba-se dunha pandeireta dobre, dupla…á que ironicamente demos en chamar “turbo-pandeireta”. Este post apresenta a proba dunha réplica feita polo Trisquel de Vicente (Muxía) através dun video que apresentamos ao final.
Seguindo-lle as pegadas a fotografía, do deseño do bombo fundamentalmente, descobríamos que se trataba do coro “Os Enxebres” de Ourense e fixemos unha reseña histórica do mesmo coa axuda do Xabier. Tratou-se dun coro fundamentalmente de diletantes. Tamén re-buscamos inutilmente noutras fotografias por ver se re-aparecía o instrumento nalgunha delas. Cos poucos dados obtidos formulamos varias hipóteses que a continuación reproducimos:
- Non hai constancia algunha até o de agora deste instrumento como tradicional na Galiza, polo que parece ser unha invención exclusiva do coro Os Enxebres ou dalgún membro do mesmo. Tampouco parece existir ningún outro exemplo nen parece ser un instrumento foráneo.
- Se aceitarmos a hipótese da “invención” perguntamo-nos cal é o fin? Obviamente, a intención tiña que saír dunha necesidade musical e se cadra puntual (dado que non temos constancia de calquera outra foto do mesmo coro na que se observe “turbo-pandeireta” nen muito menos de que o “invento” se repetise posteriormente)
- O que si parece claro, pola cantidade de ferreñas e soallas, é que este instrumento soaría ben mais alto que unha pandeireta “normal”, case como unha especie de “charrasco” sen pau. O fin primeiro parece ser logo un “maior volume”. Poderíamos por exemplo conxeturar ao ser un coro de “amateurs”, a necesidade de ter alguén que leve o ritmo con mais seguridade que o resto de “diletantes”, con “maior volume”
- Por último, cabe supor se validamos a necesidade anterior de “maior volume”, que foi unha encomenda (provavelmente do director…Daniel González? [na altura da foto, parece ser que xa non o era] a un artesán próximo, con certeza o mesmo que lles fornecía as pandeiretas “normais”. Talvez o próprio Faustino Santalices que anos mais tarde, apartir de 1929 mesmo participaría nos Enxebres habitualmente? Non o sabemos…
Ao final de dita entrada “Lanzamos desde aqui o engado por ver se algún dos nosos magníficos artesáns de percusión galega se anima a reproduzi-la…sabemos que temos amigos que xa andan niso (daríamos-lle boa publicidade desde aqui)”
Agora é que foi. Sabemos que existen dúas réplicas que saíron unha desde o Obradoiro de Instrumentos de Percusión de Narón que dirixe Emilio Romero Fabal e outra desde O Trisquel de Vicente de Muxía. A primeira, onde a pandeireta (aro) interior figura fixada que aínda non pudemos probar e estoutra que si…
O Trisquel de Vicente Martínez, de Muxía, construiu unha réplica do instrumento que tivemos ocasión de probar no seu local. Neste caso o Vicente decidiu fixar o aro interno cunha especie de caucho ou gomas flexíveis, de maneira que a pandeireta interna non está completamente fixada. A pele está nivelada e pode-se tocar por toda ela. A proba foi breve e con escasa cera. O aro da pandeireta interna ao estar suxeito coas gomas rebota sobre a externa provocando un efeito musical.
A pandeireta grande consta dun diámetro de 34,50 co arillo e a pequena de 17,30. A grande ten 13 pares de ferreñas de 55 no aro externo, e a pequena soma mais 4 pares de ferreñas de 40 no aro interno. Desde aqui mandamos-lle os parabéns ao Vicente polo fermoso traballo realizado.
Evidentemente, o intrumento resulta bastante pesado e brillante pola numerosas soallas ou ferreñas a soar simultanemente, mas tamén parece reforzar a hipótese que formulamos da posível necesidade de “maior volume” do instrumentista principal nun coro de diletantes inseguros. Non é de estrañar que o noso protagonista da fotografía leva-se un grande pano para segurá-la. Toquen a turbo-pandeireta, 13 pares de ferreñas sen anestesia, e non precisarán de ir ao ximnasio…
Un grande abrazo
Deixa unha resposta