(Agradece-se subscripción á newsletter: vostedes estarán informados e nós conseguiremos leitores fiéis)

Buuum!!!
Apenas un golpe de bombo que espera para abrir un disco. Humilde. Un único golpe de bombo foi o responsável de que este blogue https://percusiongalega.com fose aberto.
Ora ben, non só nos transformou a nós que o escoitamos por vez primeira en cassette de “gasolinera” cando eramos nenos e deixou-nos meio tolos. Ese golpe en realidade, transformou-nos a todos. Cambiou para sempre a toda unha xeración de gaiteiros, porque é dunha tal beleza e contención, que nunca tal viramos. Só uns segundos deste tema e xa antes do “ostiazo” propriamente dito, cambiaron de vez a historia da música galega, aínda que algúns non o entendan hoxe.
Houbo varias gravacións moi boas neses tempos, novos rapaces con novas inquedanzas facían cousas de calidade por toda a xeografía galega: Os Faíscas de Xiabre (1979) que acabarían por desaguar en Milladoiro, Raparigos en Ferrol (1981), os próprios Muxicas no seu primeiro traballo (1982) Xiada na Cruña (1984), e o grupo didático-musical da Universidade Popular de Vigo Xarabal (1987) fixeran discos brillantes e influintes…en plena transición musical.
Buuum!!!
Pero este golpe de bombo…este golpe de bombo é de 1986, do dobre álbum Lp do grupo Muxicas de Vigo, e conseguiu pór-nos a todos os cabelos en pé ou (como di o amigo Xurxo Souto) os “pelos crespos de emoción”…e cambiou-nos de vez para sempre.
Eis un dobre álbum da música galega, toda unha aventura para a época pola que decidiu apostar EDIGAL, baixo unha importante premisa: por razóns presupuestarias o grupo tiña que gravá-lo no mesmo tempo que se dedica a un único LP…

Buuum!!!
Si, aparece en “A Barroca” de Muxicas, a peza que abre o disco. Un tema complexo e simples a un tempo. Inspirado (como todas as grandes temas) en algo ouvido anteriormente: O belísimo San Campio de D. José Torres Creo interpretado polo grupo de gaitas Os Cruceiros.
Como o Ulysses de Joyce parte do Ulysses clásico, e inovou a literatura do século XX, a Barroca é inovadora e dá mais unha volta na espiral do petróglifo musical galego. Inaugura unha nova etapa. É un ponto de inflexión. Todo o gravado a posteriori polos gaiteiros non se comprende sen este dobre álbum dos Muxicas…Ainda que pareza un esaxero…nen sequer é preciso o álbum inteiro, apenas con esta primeira faixa: A Barroca abonda.
Poden escoitá-la aqui, no link da interesante web do grupo, onde se recolle a historia verdadeira (verdadeira porque foi falseada), e onde poden ouvir os discos, ler documentos coa historia, e descarregar as partituras dos Muxicas http://muxicas.com/portfolio/muxicas/
Ouzan atentamente: abre a música a auga dunha fonte co bater dunha campá, o redobro simples e belísimo dun gran tamborileiro: Manolo “Rin-Rin”; e comeza unha Alborada solene composta por Xosé Manuel Fernández Costas cunha gaita en Re. De súpeto aparece unha gaita en La[1] grave…unha pausa cun redobro longo e o golpe de bombo de Liño Figueroa contido até o compaso 49…lindísimo.
Buuum!
Nunca antes un único golpe de bombo dixera tanto. Continúa despois unha tocata de alzar, a Nº453 tirada do Cancioneiro de Casto Sampedro, e finalmente unha linda muiñeira cuxa liña melódica foi composta por outro membro do grupo, Moxenas…e todo cun trato único, inovador e fabuloso da percusión tradicional e das gaitas.
Algunha anedota mais para a historia de “A Barroca”: a gaita de Re que abre a alborada, tocada por Moxenas, contruíuna, en cocobolo, Carlos Corral. As gaitas de La (tanto a primeira que entra na alborada, tocada por Xosé Manuel, como a segunda que entra no alzamento tocada por José Ángel Failde) foron construidas por Xosé Seivane (o vello) en buxo, con ronquilla.
Eis a verdadeira maneira de compor e traballar os temas os Muxicas. Todos os membros aportavan algo daquela: liñas melódicas, voceados, arranxos de percusión…
Pero como en todas as grandes historias, nen todo foi lindo… Despois deste dobre álbum, o membro mais vello, Moxenas (non o mais veterano, xa que non estivera nos antecedentes do grupo) trás diferentes desencontros decide abandonar Muxicas. Antes, rexista a seu nome particular ou apresenta a diferentes concursos, parte desas pezas (entre outras A Barroca inteira) En realidade, e aínda que cada un aporta-se o seu grao de areia, atrás dos “guións” de Muxicas, da produción e pos-produción dos discos, sempre se albisca a figura dun daquela xovencísimo Xosé Manuel Fernández Costas.

A polémica estava servida. Muitos puxeron-se de parte de Nazario González “Moxenas” o vello gaiteiro (os mais), e outros (os menos) de parte do rapaz Xosé Manuel Fernández Costas “Muxicas”. A chispa saltou.
A visión particular do abandono de Moxenas, foi publicada anos mais tarde nun libro sobre a súa figura, visión que non foi contrastada cos outros membros do grupo[2]
Ao Moxenas cabe-lle o mérito de que foi un bon gaiteiro e tivo un gosto musical elevado. Deixou escola, pero a súa figura foi en parte algo mitificada e converteu-se nunha especie de Santón, ao que pensamos non lle corresponden todos os méritos atribuídos (entre outros, o de dominar a técnica de tocar pechado) O ambiente estava enrarezido e rexistou as pezas a seu nome. Non se sentiu cómodo ante a evolución que iniciava a criatividade do grupo no dobre álbum e abandonou, de volta no tren de Madrid e nada mais acabar de gravar este dobre álbum…
O traballo común e excelente de todos os membros levou-nos porén a unha durísima separación despois desta gravación que os conduziu tamén ao enorme recoñecemento do setor…
Mais a historia de Muxicas non remata aqui, nen muito menos. O tempo é como o viño: “fermentar de forzas e cansazos” e pon a cada un no seu lugar. O tempo insistimos, levou a diferentes formacións, a evolución e a unha serie de traballos excelentes que dignificaron como nunca e para sempre a percusión tradicional galega. Nunha época na cal, non esquezamos; outros optaron por abandoná-la sen compaixón e substituí-la por percusións plásticas de alta tensión. Esta é a verdade.
O grupo finalmente chegou a gravar e editar un total de 8 traballos discográficos (mais dous inéditos)
Como alma máter de toda a traxetoria dos Muxicas, desde os inicios, desde que era un cativo está Xosé Manuel Fernández Costas, o verdadeiro “Muxicas” xa que tivo o acerto de rexistar o nome do grupo. Na súa cabeza, os guións dos arranxos, a produción e pos-produción. Esixente como poucos e cunha sensibilidade e sentido do humor especiais, nunca se vendeu. Nunca calou e sempre defendeu o que considerou oportuno. Multi-instrumentista e amante como ningún outro das percusións tradicionais galegas. Esta dignidade imperturvável levaron-no (a ele e aos Muxicas) a desencontros en ocasións, ao ostracismo por parte dalgúns políticos ou de outras opcións musicais, especialmente na sua cidade. Vigo.
Ele mesmo consensuadamente cos outros membros do grupo, son os que deciden final e brillantemente, despois de “vinte anos de camiño” no ano 1999, pór un ponto final e despedir de morte morrida; a traxetoria dun grupo único que elevou a percusión tradicional galega como nunca antes ninguén fixera, e que nos influenciou a todos. Hoxe, Xosé Manuel aínda que retirado na súa casa de Zamáns, continúa a desenvolver a súa veia criativa coas súas composicións, que cede a quen quiser.
Así é que a alborada de “A Barroca” foi o primeiro tema que Xosé Manuel tén rexistado na memoria que fixo para Muxicas (xa para o primeiro disco tiñan unha versión preparada que afinal non gravaron) E o derradeiro tema que compón para tocar no grupo, e que se tocou no concerto de despedida, foi a “Alborada derradeira”, que se pode atopar como inicio da súa obriña “derradeiro abrente en Zamáns”. Algo as liga nun círculo perfeito: son moi semellantes en canto a estructura.
Recentemente e coa axuda de María Xosé López, o mítico Alfonso Cheda e Adrián Figueroa (o fillo de Liño Figueroa, o culpável do bombazo) abriu a web do grupo http://www.muxicas.com onde incorpora a historia, discografía, partituras transcritas e importante documentación de todo o camiño andado.
É de ben nascidos o seren agradecidos…A percusión tradicional galega e este blogue en particular débenlle muito aos Muxicas.
Buuum!!!
Desculpen que botemos un xuramento… Menudo “ostiazo” levamos!
Neste video que insertamos Xosé Manuel Fernández Costas aprestenta-nos un pequeno xoguete-instrumento de percusión que utilizavan os nosos nenos, e que imita o cantar dun paxaro: O Carrizo
Un grande abrazo
[1] Uuppps, que era isto de mesturar timbres de diferentes tonalidades??? Todo pudo partir dun experimento dun músico cedeirense que todo o mundo coñece no mundo da gaita, Roxelio de Leonardo Bouza, pero do que case ninguén sabe nada exceto que fixo certas composicións lindas. Chamou-se o septiminio gaitístico e tentava, ampliar o rexistro do instrumento con diferentes tonalidades nunha única composición.
Este experimento, (e talvez somado ao ter visto o que se fazia por Europa con outras gaitas) derivou en outros. Provavelmente aberto o melón, e dadas as casualidades de coincidir punteiros de tonalidades viziñas nalgún contexto, viu-se que a combinación de certos punteiros tenores graves con tonalidades agudas funcionavan de maneira fabulosa e desta vez si, cos roncos incluídos. Así é que no Obradoiro-Escola da Universidade Popular de Vigo experimentavan con punteiros en Sol grave e Do e os Muxicas experimentavan e gravavan por vez primeira esta “Barroca” con dous punteiros en La tenores e un en Re soprano (e utilizavan o recurso en outros temas do disco). Basicamente, a casualidade deu en xuntar un punteiro que funcionava como tenor cuxa tónica estaba unha cuarta por debaixo da tonalidade principal aguda (ou se preferen, un punteiro grave afinado na quinta da tonalidade principal que se adapta a esta como tonalidade viziña co uso dunha única tranquilla, usando o modo mixolidio) Sexa como for, a gravación deste disco dos Muxicas en 1986 e o uso deste recurso, enmudeceu-nos a todos e consolidou este tipo de xogos e outros (como os diferentos usos de afinacións nos roncos)
[2] O libro é Moxenas a memoria do son de Miguel Pérez Lourenzo. Ed. do Cumio (2004) Xosé Manuel Fernández Costas tén publicado a posteriori e en diferentes medios unhas notas que critican o libro e dan a súa visión, e que divulgaremos por aqui no seu momento.
Deixa unha resposta