(Recomenda-se audición con auriculares, especialmente neste video. Os altofalantes dos computadores e telefones matan os graves, facendo imposíbel a audición precisa. Agradece-se subscripción á newsletter: vostedes estarán informados e nós conseguiremos leitores fiéis. Fonte da foto: Os Aturuxos de Loira en Loira ao redor de 1936. Arquivo familiar de Juan Carlos Jablonsky)
O pulso é o primeiro que nos move o corazón, o que nos dá a vida: Tic tac…Mália súa recente incorporación na música galega, a adaptación do bombo xunto ao tamboril ou caixa nos cuartetos de gaitas criou unha simbiose perfeita, aportando a marca do pulso e o contraste necesario dos graves aos agudos do conxunto. Só unha eiva: a aparente simplicidade do instrumento, fixo en numerosas ocasións que o instrumentista fose o mais inexperiente ou pior: o que non valía para tocar a gaita ou o tambor. É fundamental pór no bombo a un instrumentista válido para que o conxunto funcione.
O bombo galego típico de cuarteto pode e debe afinar-se. Pode-se utilizar para elo un afinador de precisión. Temos visto diferentes afinacións sobre os graos (da gaita) I e V e nalgún conxunto recente específicamente percusivo, xogando cos tres graos tonais I, IV e V.
Se conseguimos cantar estas sílabas onomatopéicas que propoñemos (ou outras similares) ao mesmo tempo que tocamos, seremos mais precisos porque o instrumento será unha simples prolongación da nosa própria voz, e será igualmente unha ferramenta nemotécnico-didáctica. É o que se coñece como “fononimia” Estes e outros recursos poden ser aplicados na procura dunha maior expresividade para o bombo. Recomenda-se unha maza branda.
- Dum= graves no centro da pel
- T= muteado cos dedos
- Din= armónico da quinta no extremo da pel. Hai bombos que o dan naturalmente e outros nos que se debe potenciar cun truco que aprendemos do amigo Kinhos Saburido: apoiando un dedo no centro da pel esquerda
- Shh= muteado arrastado
- Da= muteado con ambas mans
- Pa= muteado-golpeado con ambas mans
- Ta= golpeo na madeira do aro co mango da maza
- Drrr= riscado de bombo. Aplicando cera virxe sobre o centro da pele costuma sair este riscado do que resultan ás veces varios armónicos
- Trrr= “redobre fechado” de bombo
- Duru=”redobre aberto” de bombo
Tic tac…
Un grande abrazo
A min sempre me gustou afinalo na terceira.. aínda que non sexa o máis común entre os bombeiros (para os diámetros de bombo que adoitamos empregar) … desfruto máis da cola, da afinación dos armónicos e de como quintea no “Din” 😉. Parabéns polo artigo e a páxina!!
Muitas grazas Maka polo teu acertado comentario, que enriquece enormemente a entrada. Sí efectivamente, é outra opción, e dependendo do diámetro e construcción do instrumento deixará diferentes “colas”. Eu mesmo varío moito entre todas estas afinacións dependendo do instrumento. Unha fonda aperta